Wednesday 15 de May de 2024

O alcalde de Ribeira, en contra da incautación dos remanentes de tesourería municipais por parte do Goberno do Estado


O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, quere expresar a súa desconformidade ante a intención
do Ministerio de Facendo de incautarse dos remanentes de tesourería municipais: unha chantaxe en toda regra ás entidades locais por parte do Goberno do Estado ao pretender que estas lle cedan “voluntariamente“ 14.000 millóns de euros dos seus aforros, reembolsables en dez anos, a cambio de poder dispoñer de arredor de 5.000 millóns entre 2020 e 2021, e ademais co agravante de que aqueles municipios que non se adhiran ao plan non poderán destinar o seu remanente con plenas liberdades.
Inmersos nunha crise sanitaria e económica sen precedentes e repleta aínda de incertidumes, Ruiz Rivas discrepa rotundamente desta proposta que vulnera a autonomía local consagrada na Constitución, unha visión compartida por outros rexedores dos partidos xudiciais de Ribeira, Muros e Noia que non están conformes cun proxecto que tamén está a ser cuestionado publicamente por moitos alcaldes en Galicia e en España, incluso das mesmas cores políticas que Pedro Sánchez.
Manuel Ruiz quere recordar que a raíz da irrupción do covid-19 —e adiantándose en moitas decisións ás adoptadas polo propio goberno central—, aumentouse exponencialmente o gasto municipal en
protocolos e material sanitario, diminuíronse os ingresos, destináronse innumerables fondos a persoas e empresas prexudicadas pola pandemia e, como contrapartida a todo este esforzo, do Goberno de Madrid se recibiron cero euros.
Agora, dende A Moncloa preténdese cometer un novo agravio aos municipios ao querer apropiarse duns aforros que, se existen, foi precisamente porque as administracións locais foron as que mellor souberon xestionar os fondos públicos aplicando políticas de planificación, prudencia e contención de gasto.
O alcalde ribeirense súmase ás voces de todo signo político que a través dos órganos da FEMP solicitan como alternativa unha serie de medidas coas que facer fronte a esta situación excepcional:
– A flexibilización da regra de gasto e resto de regras contidas na Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira para que todas as entidades locais poidan dispoñer do 100% os remanentes de tesourería para implementar aqueles servizos e medidas que permitan actuar contra a
pandemia e contra a crise sanitaria, social e económica derivada da mesma.
– A transferencia ás entidades locais dunha parte proporcional dos Fondos Europeos que reciba España para poder compensar o impacto do covid-19 nos seus ingresos e gastos orzamentarios.
– A prórroga dos prazos para que as entidades locais poidan executar os investimentos financeiramente sostibles, financiadas con cargo ao superávit de 2018 e 2019.
– A creación dun fondo de 5.000 millóns en axudas directas e sen condicións ás entidades locais e de fondos específicos por valor de 1.000 millóns de euros para compensar o déficit nos servizos de transporte públicos e para cubrir o custo da colaboración dos concellos na xestión do Ingreso Mínimo Vital.